Tras unha primeira xornada chea de frikis entusiasmados, o segundo día do GFFF propón más de seis horas de festa pulp.
Ás 20:00, Alberto Hortas comentará a súa exposición e ás 22:00 fará unha demostración en directo da súa arte.
Despois dunha xornada inaugural do Galician Freaky Film Festival marcada pola gran asistencia de público, as grandes doses de cinema underground e o gran espectáculo que ofreceu Caspervek Ensamble musicalizando Nosferatu, unha sinfonía do horror, chega unha segunda xornada ben chea de contido freak para todos e todas.
A festa arrinca ás 17:30 no Espacio Mahou en Progreso 41 no encontro profesional “unha Mahou con CREA”, a Asociación de Realizadores e Directores de Galicia, onde Pablo Fontenla conducirá unha palestra chamada: Sobrevivindo sendo un Galician Freak: realidade ou ficción.
Tras isto, ás 19:00, chegará o momento de arrincar coas proxeccións no primeiro bloque de curtas: Serán de humor Freak Vol.1 no que se poderá gozar de catro pezas escacharrantes nas que destacan Le défi du rade… do francés François Zaïdi ou Maldición Fatal do galego Alberto Guisande.
Despois de matarse a rir, ás 20:00 virá a presentación da súa exposición por parte de Alberto Hortas. Para acto seguido dar paso ó segundo bloque de curtas da tarde: Que carallo é isto? Unha selección de pelis a medio camiño entre o absurdo e o inexplicable nas que destacan La persistente da francesa Camille Lugan ou Helsinki 79 de Pablo Fontenla.
Nada máis rematar o segundo bloque terá lugar un dos momentos máis esperados polos fans do GFFF. De novo será o momento de Hortas para facer unha demostración en directo mostrando como crea as criaturas máis terroríficas, as cicatrices máis realistas e as caracterizacións máis abraiantes.
O fin de festa na segunda xornada da #2 Edition do Galician Freaky Film Festival, coma non podía ser doutro xeito, será co bloque: Noite de arrepío. Unha hora repleta de curtas dun dos xéneros máis queridos polos fans do festival: o terror. Filmes coma a francesa Midnight Talk de Raffael Oliveri, El ático do realizador dos Países Baixos Nico Van Der Brink ou a española A little tastede Victor Catalá poñerán punto final a unha tarde chea de puro fulgor friki.
PERO ISO NON É TODO
Ademais das tres horas de pelis underground, de serie b e do terror máis apaixonante que mesmo te fai rir ou chorar en cuestión de segundos, todos os que se acerquen ata a Sala Videodrome (Velázquez Moreno 44, no Mercado do Progreso) poderán desfrutar da exposición e da arte en directo de Josef Méndez, mestre sen igual do Art Horror vigués e coñecerán de primeira man a decoración alieníxena que rende homenaxe a Alien, o oitavo pasaxeiro, aquela obra mestra na que Sigourney Weaver e mailo seu gato eran capaces de derrotar un becho furioso de mala baba.
A entrada para ter acceso a todo o programa do Venres 25 custa 5 euros, pero cabe a posibilidade de obter diferentes packs para varios días ou con regalos.